Construíndo comunidade: unha guía inclusiva para gozar do Museo do Pobo Galego
O Museo do Pobo Galego conta cun novo recurso de mediación cultural: a Guía con pictogramas da Sala do Mar, un proxecto deseñado para favorecer a accesibilidade cognitiva e sensorial de todas as persoas visitantes.
Esta iniciativa é o resultado da colaboración entre o museo e a comunidade do servizo de atención diúrna de Aspanaes en Monte do Gozo (Santiago de Compostela). A través deste traballo conxunto, búscase facer da cultura unha ferramenta de inclusión e participación activa, promovendo que calquera persoa, con independencia das súas capacidades, poida gozar dos espazos culturais de maneira autónoma e significativa.
A guía con pictogramas facilita a comprensión do contido expositivo, permitindo que as persoas con diferentes capacidades cognitivas, sensoriais ou lingüísticas poidan seguir o percorrido con maior facilidade. Deste modo, contribúese a unha experiencia máis accesible, enriquecedora e equitativa para todos os públicos.
Con proxectos como este, Aspanaes e o Museo do Pobo Galego reafirman o seu compromiso cunha sociedade máis inclusiva, onde a cultura se consolida como un espazo de encontro, aprendizaxe e participación.
👉 Podes consultar e descargar a guía completa na web do Museo do Pobo Galego: Guía con pictogramas da Sala do Mar






