|

Novo centro de Aspanaes en Friol para o 2026

O novo Centro Integral para Persoas con Autismo en Friol será unha referencia na atención especializada en Galicia. Un espazo innovador que permitirá ás persoas usuarias de Aspanaes desenvolver a súa autonomía nun contorno adaptado ás súas necesidades.

Este proxecto, cun investimento de 4 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, contará con 48 prazas residenciais e está previsto que remate a súa construción a mediados de 2026. Deseñouse cun modelo de convivencia e apoios que favorecen a independencia e o benestar de quen forme parte del.

Un centro pensado para as persoas que gozarán del

O centro estará distribuído en varias plantas: ✔ Planta baixa: acceso principal, talleres de intervención e psicomotricidade.
✔ Plantas superiores: seis módulos de unidades de convivencia, con capacidade para oito persoas en cada un.
✔ Planta soto: servizos xerais como lavandería, cociña, garaxe e vestiarios.

Recreación do novo centro de Aspanaes en Friol.

Esta iniciativa responde a unha demanda histórica das persoas usuarias de Aspanaes e as súas familias. Ademais, suporá unha importante mellora nos servizos de atención ao autismo en Galicia, xerando emprego e favorecendo a convivencia coa comunidade local.

Un compromiso compartido

O acto de presentación do centro contou coa presenza da Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o alcalde do Concello de Friol, José Ángel Santos, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, ademais de representantes da Entidade, da Federación Autismo Galicia e da veciñanza do municipio.

Desde Aspanaes, asumimos este desafío con ilusión e compromiso, convencidos de que este centro será un referente na atención ás persoas con autismo en Galicia.

Máis información

Para coñecer máis detalles sobre o proxecto, podes consultar as noticias publicadas nos seguintes medios:

*Foto de portada de El Progreso