Funcións da organización

Inicio » Funcións da organización

A Asociación, que non persegue fins lucrativos, ten por obxecto o benestar das persoas con autismo, a través de actividades asistenciais, educativas, recreativas, culturais, deportivas, laborais e formativas, mediante a promoción, creación, organización ou patrocinio de centros de diagnóstico e avaliación, unidades de atención especializada, investigación e experimentación, centros de terapia, residencias, centros de día, centros ocupacionais, centros de emprego e outros, en conformidade cos plans de actuación que aprobe a Asemblea Xeral e cumprirá con cuantos requisitos sexan establecidos pola lexislación vixente.

Igualmente a Asociación exercerá en xeral a representación e defensa dos intereses das persoas con T.E.A., así como a súa tutela legal, cando esta proceda.
As persoas que esta Asociación atende contan cun diagnóstico de Autismo ou con necesidades de apoio similares.
Que son os Trastornos do Espectro do Autismo (Autismo)

(Estatutos – artigo 4º)

Temos o propósito de reivindicar e promover os dereitos das persoas con autismo e os seus familiares, para que os exerzan nas mesmas condicións que o resto da cidadanía.

A nosa misión é promover oportunidades en todo o ciclo vital de cada persoa con autismo e a súa familia, facilitando apoios específicos e especializados para que poidan desenvolver o seu proxecto de vida.

En 2027 Aspanaes será unha entidade innovadora na súa forma de organizarse grazas á contribución efectiva de persoas con autismo, os seus familiares e profesionais no desenvolvemento dunha entidade máis inclusiva e participativa. Tamén xeraremos e difundiremos coñecemento en autismo, co propósito de defender os dereitos das persoas con autismo e as súas familias, contribuíndo a unha comunidade máis inclusiva.

Os nosos proxectos, asentados na referencia do Modelo de calidade de vida e os Valores de Aspanaes, darán resposta ás necesidades de apoio das persoas autistas con maior autonomía, as que necesitan unha vivenda, e as que necesitan apoio no seu lecer e tempo libre. Para os seus familiares, priorizaremos a súa acollida e participación na Asociación, o seu acompañamento emocional e a oferta de apoios para a conciliación.

Como valor diferencial queremos facilitar apoios a todas as persoas que o necesiten no noso ámbito xeográfico de actuación, que é a provincia da Coruña.
Responsabilizámonos en ofrecer apoios profesionalizados, rigorosos e confiables; e a súa disposición, asentada na nosa identidade asociativa, colaborar xenuinamente cos poderes públicos para alcanzar a misión.

  • Igualdade e Equidade: As persoas con Autismo son cidadáns de pleno dereito e por iso debemos asegurarlles oportunidades individualizadas e axustadas segundo as súas necesidades.
  • Confianza: Cremos nas capacidades, desenvolvemento persoal e o talento das persoas con Autismo. As familias e os profesionais apoiamos a súa capacitación, traballando en equipo.
  • Coherencia: A MISION, os VALORES e a VISION, conectan coa identidade da propia entidade, garantía de credibilidade, fiabilidade e proxección positiva da Asociación.
  • Especialización e compromiso ético: Diferenciámonos pola calidade profesional e humana do noso persoal, o traballo en equipo coas familias e o compromiso ético no noso modelo de intervención.
  • Responsabilidade Social: Estamos comprometidos coa Sociedade, sensibilizando e transferindo coñecemento real sobre as persoas con Autismo. Actuamos como axente de cambio especializado.
  • Transparencia e eficiencia na xestión:  Esixímonos e temos o deber de xestionar con Bo Goberno e de maneira eficiente..
  • O RESPECTO á PERSOA con TEA debe de ser o piar fundamental de toda a intervención.
  • Estar comprometida coa DEFENSA e MELLORA DA CALIDADE DE VIDA das persoas con TEA e das súas familias, sendo defensora e reivindicadora dos seus dereitos e necesidades.
  • Velar pola INCLUSIÓN SOCIAL das persoas con TEA e difundir o COÑECEMENTO dos TRASTORNOS DO ESPECTRO AUTISTA NA SOCIEDADE.

O rol social de Aspanaes é ser un axente de cambio a favor da inclusión e participación das persoas con autismo na sociedade.
Somos unha entidade do terceiro sector de acción social que preferentemente prestamos servizos para persoas con autismo e as súas familias, xeramos e difundimos coñecemento sobre o autismo.